Microsoft adianta a Google no eido da saúde en liña

luns, 22 de outubro do 2007 Marcus Fernández

No pasado mes de agosto se filtraran á web imaxes do futuro servizo Google Health, co que o popular buscador de Internet entraría no negocio da saúde (permitindo a xestión da información médica, coma síntomas, operacións, análises ou vacinas) pero que agora parece que o proxecto está abandonado (ou sen data de lanzamento fixada) porque Microsoft se adiantou á compañía de Brin e Page lanzando HealthVault, que é un servizo moi semellante ó que podería ser Google Health.
De feito, o responsable deste proxecto en Google, Adam Bosworth, anunciou que deixaba tanto esta iniciativa como a propia Google, e na pasada edición do Cumio Web 2.0, a vicepresidenta de Google, Marissa Mayer, tivo que admitir que non hai novidades sobre o lanzamento deste servizo que prometía ser inminente. Estariamos así ante un caso no que Microsoft demostrou tomarlle a dianteira a Google, o que podería indicar que é posible facerlle fronte ó que parecía unha empresa imparable na Rede.

PUBLICIDADE