Mango faise co primeiro novo dominio de Internet español

mércores, 19 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Dende hai uns días é posible acceder á páxina web de Mango a través do dominio nic.mango

Tras un longo proceso para establecer o sistema para a creación de novos dominios da Internet, ICANN estableceu un mecanismo para que entidades e empresas puideran facerse cun dominio de primeiro nivel, e mestres agardamos pola inminente activación dun dominio para a lingua e a cultura galegas (o contrato entre ICANN e a Asociación PuntoGal asinouse o pasado mes de novembro) vemos como vai avanzando a listaxe de novos dominios delegados, que chega xa aos 147 sufixos de Internet entre os que a única presenza española é a da marca téxtil Mango, que conseguiu un dominio de seu.
Polo momento descoñécese o que a marca española de moda pretende facer co dominio .mango (polo momento, ao acceder a nic.mango accédese á súa tenda en liña), pero non parece que o seu uso vaia ir máis aló da protección do nome da súa marca.
A delegación dun dominio de primeiro nivel marca o inicio do seu funcionamento, tras o que, na meirande parte dos casos, ábrese un proceso de rexistro para poder contratar dominios de segundo nivel en distintas fases, de xeito que, antes de permitirse o rexistro de dominios cun criterio de cola, establécese un período para facilitar que os propietarios de marcas (ou outro tipo de entidades) poidan asegurar os dominios que lles corresponderían lexitimamente. Entre os dominios de primeiro nivel delegados figuran varios con caracteres internacionalizados (o que supón un grande avance para países que empregan linguas con carácteres non latinos) e podemos ver xa sufixos como .futbol, .tokyo, .tienda, .photo, .moda, .berlin, .viajes ou .guru, e esperamos que nas vindeiras semanas poidamos ver outros dominios como o .eus e o .gal.