O dominio .gal celebra o primeiro aniversario da súa apertura ao público
mércores, 2 de decembro do 2015
Estes días son moi especiais para centos de páxinas web
galegas, xa que hoxe fai xa un ano da apertura ao público
xeral do rexistro de dominios .gal, de xeito que non son poucos os espazos
que están a cumprir un ano co novo nome de dominio que serve de bandeira da súa
galeguidade.
O dominio .gal xa celebrou o
seu primeiro ano de vida o pasado mes de maio, pero estes inicios limitáronse
a unha activación técnica do dominio, cunha única páxina web visible, á que no
verán se sumarían un reducido grupo de Pioneiros, de xeito que non sería até o
mes de decembro cando o dominio chegase ao grande público poñendo fin a un
longo traxecto para conseguir que o soño dun dominio para a lingua e a cultura
de Galicia fose unha realidade, e transformando a fantasía nunha realidade que
non fixo máis que comezar, e que precisa do continuo apoio da sociedade galega
para seguir adiante e conseguir así reflectir a identidade de Galicia na
Internet.
Para celebrar o primeiro aniversario da apertura dos dominios .gal a Asociación
PuntoGal participará un ano máis no Culturgal en Pontevedra entre os días 4 e 6
de decembro, ocupando o expositor 41. Durante a feira cultural tamén presentará
o froito da súa colaboración con Rei Zentolo (unha das entidades pioneiras do
.gal) que estreará unha serie de deseños nos que se homenaxea á Nós e outra na
que se utiliza o humor para facer promoción do dominio .gal.
Neste tempo o número de dominios rexistrados co sufixo .gal aproximouse aos
tres mil, e cómpre tamén salientar o apoio institucional por parte da Xunta de
Galicia ao aprobares o Decreto 74/2015 que regula a presenza na Internet da
Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia baixo o dominio
.gal, de xeito que se inicia un proceso de migración para que o dominio galego
pase a empregarse preferentemente para a identidade na web da Administración.
A directora xeral da Asociación PuntoGal, Edita de Lorenzo, asegura que “seguimos
traballando para que moitas empresas privadas galegas vexan a vantaxe de ter o
seu enderezo en Internet no marco de .gal”, de aí que sexan tan necesarias as
iniciativas que promovan o novo dominio da Internet, que a primeiros do ano que
vén renovará a súa presenza en liña cun novo deseño e estreando ferramentas
como un comparador de prezos dos diferentes reistradores, así como un panel
para as promocións vixentes.