Akamai analiza o estado dos acceso á Internet a nivel mundial
luns, 30 de xuño do 2014
O
provedor de contidos distribuídos xeograficamente Akamai publicou os resultados
do seu informe para o primeiro trimestre de 2014, no que fa un balance da
situación da Internet a nivel global, medindo factores como as velocidades dos
accesos á Rede, a adopción da banda larga, o uso de dispositivos móbiles... aos
que engade novas medidas de grande interese de cara ao futuro, como son a
adopción do estándar IPv6, a preparación dos distintos países de cara ao streaming de vídeo en 4K ou as cotas de
adopción da banda larga e as velocidades de conexión dende o móbil por países.
- Velocidades medidas dos países no noso contorno
O informe considera que globalmente as velocidades de acceso á web medraron un
24% interanual, chegando aos 3,9 Mbps, á vez que o 20% das conexións superan xa
os 10 Mbps, o que suporía que en España conseguimos esta sobre a media, con
conexións a unha velocidade media de 7,2 Mbps, aínda que na adopción da banda
larga imos rezagados, con só un 16% das conexións sobre os 10 Mbps (aínda que
se falamos de conexións de máis de 4 Mbps si estamos nunha posición moi boa,
chegando tal conexión ao 74% dos usaurios). Parece ser que canto maior é a
velocidade medida, peor queda España, xa que o número de conexións que superan
os 15 Mbps queda só no 6,1%, de xeito que o streaming
de vídeo de ultra alta definición podería chegar a un número moi reducido de
usuarios de Internet no noso territorio.
De compararnos co noso contorno, temos que España superaría en velocidade media
de conexión a Francia, Italia e Portugal, quedando na posición 32ª a nivel
mundial, o que indicaría unha boa progresión da calidade das nosas conexións,
que aínda están moi lonxe de países como Suíza (con velocidades medias de 12,7
Mbps), Reino Unido (9,9 Mbps) ou Alemaña (8,1 Mbps); confirmándose tamén que as
mellores conexións están en Asia, concretamente en Corea do Sur (23,6 Mbps),
Xapón (14,6 Mbps) e Hong Kong (13,3 Mbps), que parecerían os únicos mercados
nos que a ultra alta definición tería a posibilidade de converterse nunha
realidade a medio prazo dada a calidade das súas redes.
En conectividade móbil países como Corea do Sur tamén parecen xogar nunha división
totalmente distinta ao resto do mundo, cunha velocidade media de 14,7 Mbps e
velocidades pico de 41,3 Mbps (o 78% gozarían de conexións de máis de 4 Mbps),
mentres que o Xapón supera as velocidades pico (47,3 Mbps) pero ten unha media
bastante modesta (5,7 Mbps), co 61% das conexións a máis de 4 Mbps. En España
teriamos unhas conexións móbiles bastante dignas, con 4,8 Mbps de velocidade
media e 27,3 Mbps de velocidade punta, co 46% das conexións conseguindo
velocidades maiores aos 4 Mbps.
Non sorprende ver como as conexións móbiles caen estrepitosamente en velocidade
se apuntamos a América latina, onde só Venezuela parece gozar dunhas conexións
dignas, con velocidades medias de 4,3 Mbps e o 69% das conexións a máis de 4
Mbps, mentres que o resto de países analizados non chegarían nin aos 2 Mbps de
media nin achegarían conexións de 4 Mbps a máis do 3,2% da poboación.