Windows Live poderá empregarse con dominios personalizados

luns, 19 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Se Google permite personalizar os seus servizos co nome de dominio de Internet dos seus usuarios a través de Google Apps, dende Microsoft non queren ser menos, e compiten coa súa solución Windows Live Community Builder, que permite aproveitar a súa plataforma Live con correo electrónico, servizo de fotografías, mensaxería instantánea, Writer, LiveDrive e outros servizos baixo dominios personalizados.
Quedaría aberta esta solución tanto para nomes de domino novos (rexistrándoos a través de partners de Microsoft) como para outros actualmente operativos, de xeito que tanto empresas coma entidades sen ánimo de lucro poidan crear comunidades baixo a súa propia marca sen ter que contar cunha grande infraestrutura para iso, xa que se sostería en tecnoloxía de Microsoft.
Ata o momento non se coñecen os detalles de prezos do servizo, pero agárdase que sexa semellante ó que acontece con Google Apps, de xeito que o uso básico resultaría de balde, mentres que para maiores esixencias sería preciso o pago.

PUBLICIDADE