Vicepresidencia estrea nova web: benestargaliza.org

luns, 22 de decembro do 2008 Raquel Noya

A fin de dar a coñecer todas as políticas e actuacións que leva a cabo a Vicepresidencia da Xunta de Galicia en materia de servizos sociais, a Secretaría Xeral do Benestar vén de pór en marcha un novo portal web que, substituíndo á anterior ferramenta, céntrase case exclusivamente na Lei de Servizos Sociais.
Esta nova páxina, Benestargaliza.org, compartirá espazo na Rede con Coidanet, a web da autonomía persoal e coidado que o mesmo organismo ten activado para axudar ás persoas que se atopan nalgún tipo de situación de dependencia.
O obxectivo do portal BenestarGaliza é, segundo veñen de anunciar os seus responsables, “construír un sitio web de referencia dende unha perspectiva divulgativa para ofrecer toda a información precisa aos seus usuarios”.
A web vai dirixida á cidadanía en xeral pero máis concretamente, ás persoas interesadas nas actuacións e servizos que se ofrecen en materia de servizos sociais, así como aos profesionais e traballadores dos servizos sociais, que aí poden atopar información de interese para a súa actividade profesional.

Contidos

No novo portal pódese atopar información sobre todos os plans e programas que se desenvolven dende a Administración autonómica, así como información sobre as prestacións ás que calquera persoa ou colectivo pode acceder, con acceso a documentos, normativas e procedementos para a súa presentación. Existe, asemade, un exhaustivo sistema de acceso á documentación de textos normativos e lexislación, á que se pode acceder tanto por temática de interese como polo seu ámbito xeográfico de actuación.
A web encargarase ademais de dar información sobre a porta de entrada ao Sistema Galego de Benestar, así como a todos os datos necesarios sobre o sistema galego de atención á dependencia. Os usuarios tamén se poden achegar a un sistema de arquivo de documentos de interese, con informes dispoñibles, material divulgativo, plans de actuación ou guías.
No ámbito dos profesionais, o portal tamén informará sobre os contidos da oferta formativa en cada contido especialmente interesante para os profesionais dos servizos sociais. Igualmente, a páxina permite achegarse aos organismos de participación, á información das principais entidades colaboradoras do ámbito privado e público, así como á actualidade e enlaces doutros sitios web específicos.
Na páxina de inicio destácanse sobre todo dúas grandes actuacións dentro das políticas de benestar levadas a cabo pola Vicepresidencia. Trátase da información básica e das actuacións do Sistema Galego de Atención á Dependencia e da información sobre a recentemente aprobada Lei Galega de Servizos Sociais. Ademais destes dous temas centrais, na portada tamén se pode acceder a cada unha das seccións e categorías e hai un acceso destacado ao Teléfono Social, co que calquera persoa pode facer consultas sobre as cuestións que precise. Así mesmo, pódese entrar nas publicacións sobre normativa e accesibilidade e no mapa de equipamentos e servizos sociais. Aí pódense consultar os centros, recursos e equipamentos existentes nun determinado ámbito xeográfico.

Seccións

O portal do benestar confórmase sobre as catro áreas integradas na Secretaría Xeral do Benestar: autonomía persoal, inclusión social, infancia e adolescencia e xuventude e solidariedade. Na área de autonomía persoal recóllense todas as actuacións que pretenden afrontar ou previr as situacións de dependencia persoal.
No apartado de inclusión social está a información orientada á integración e á prevención de situacións de exclusión. Aquí teñen a súa maior visibilidade os servizos sociais comunitarios, que xogan un papel fundamental neste ámbito.
Na sección de infancia e adolescencia agrúpanse tres grandes ámbitos, prevención, protección e reeducación de intervención. E por último, no apartado de xuventude e solidariedade, o webmaster colocou unha ligazón directa ao portal de Xuventude.net, ao que pode acceder calquera usuario ou usuaria interesada nas actividades de tempo libre, campamentos de verán, saúde, lecer e cultura, turismo xuvenil ou vivenda, entre outros moitos temas destinados ao benestar dos mozos e mozas galegos.

PUBLICIDADE