ViaMichelin tamén se apunta á Web 2.0 coa apertura dos seus Cadernos de Viaxe

luns, 30 de xuño do 2008 Raquel Noya

A web de viaxes de Michelín, que naceu como un xestor de rutas de estrada de moito éxito e eficaz abondo, vén agora de apuntarse á tecnoloxía da Internet 2.0 coa estrea da súa propia rede social na que os internautas poderán compartir as súas experiencias con outros viaxeiros a través da Rede sen ter que cambiar de sitio.
A nova versión desta popular páxina inclúe agora a sección Cadernos de Viaxe, un espazo común que lle permite aos visitantes integrar e compartir calquera tipo de contidos cos demais internautas, tales como fotografías, espazos web, textos, vídeos...
ViaMichelin vén de converterse, pois, nun espazo virtual no que poder dar conta de experiencias de viaxes e acceder (ou facilitar) información de calidade e de primeira man sobre onde ir ou as condicións nas que se atopan as estradas ou os aloxamentos.
Para crear un caderno de viaxe en liña nesta web tan só é preciso que o usuario se rexistre cun nome e unha contrasinal. Trátase dun servizo totalmente de balde e cun número de opcións aceptable, entre as que destacan a inserción de imaxes e vídeos para documentar a viaxe, a preparación de rutas personalizadas mediante a cartografía subministrada por ViaMichelin e sobre todo, a procura de información doutros usuarios sobre un determinado lugar ou destino para adaptalo ás nosas posibilidades.

PUBLICIDADE