Un campus virtual moi católico

venres, 6 de xuño do 2008 Raquel Noya

Curas no ciberespazo!”: deste xeito é como o xornal dixital Elcorreogallego.es encabeza unha nova na súa sección Más recursos, que máis que sorprendernos, provócanos acougo, sobre todo ó comprobar como unha institución teoricamente tan pouco dada a innovar (e a innovarse) como é a Igrexa Católica modernízase e ábrese paso na Sociedade da Información coas súas propias ferramentas que, todo hai que dicilo, están moi ben.
A nova web do Instituto Teolóxico Compostelán, que administra o noso colaborador Diego Rosales, non ten ren que envexarlle ás páxinas de outras institucións educativas e ofrécelles un gran servizo aos seminaristas que nunca antes tiveran unha ferramenta destas características á súa disposición.
Este novo campus virtual para seminaristas, permítelles ós usuarios rexistrados acceder á comunidade educativa a través de Internet e estar así ó tanto das xornadas de formación continua que organiza o ITC para o clero, crear a súa propia conta de correo electrónico “corporativo” ou acceder á biblioteca para consultar os seus fondos sen ter que desprazarse ata alí.
Asemade, esta nova ferramenta para os seminaristas dispón de seccións de descargas de contidos, foro, axenda de eventos, fotografías e un apartado que repasa a historia da entidade dende a súa creación ata os nosos días.

PUBLICIDADE