Torrent2exe fai moi doada a descarga de ficheiros da rede BitTorrent

mércores, 14 de maio do 2008 Marcus Fernández

O novo servizo permite converter torrents en executables

Moitos usuarios teñen problemas á hora de empregar aplicacións P2P, e para superar tal atranco nace a web Torrent2exe, que permite converter os ficheiros .torrent en arquivos executables que conteñen a aplicación cliente da rede BitTorrent, de xeito que auto-xestiona a carga dos contidos aos que apunta.
Deste xeito, podemos coller un ficheiro .torrent da web ou do noso equipo e convertelo nun ficheiro executable que descarga automaticamente o contido desexado sen precisar de configuración de ningún tipo, resultando unha solución doada para usuarios pouco experimentados.
Esta solución tamén se pode automatizar, de xeito que páxinas web que publiquen torrents poden achegar ligazóns a este novo servizo, polo que se podería permitir a descarga directa do torrent ou da súa versión executable.
Cómpre precisar que os ficheiros xerados son susceptibles de estar infectados por virus e troianos, así como tamén son exclusivos para equipos con Windows, polo que as limitacións desta solución son evidentes, pero non por iso será menos atractiva para os que desexen facilitar a descarga de grandes ficheiros da Internet a amigos non afeitos ás redes P2P.

PUBLICIDADE