Toda a información sobre o Festival Ortigueira 2008, na Web

mércores, 18 de xuño do 2008 Raquel Noya

O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco e mailo alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, veñen de presentar -esta mesma mañá en Compostela- a programación do 30 aniversario do Festival Ortigueira, que se achega polo miúdo na web oficial do “certame máis concorrido do verán galego”.
O cartel deste ano inclúe un total de 25 concertos de balde da man de artistas galegos e procedentes de máis de media ducia de países que apostan polos ritmos celtas, tan tradicionais no noso folclore máis coñecido, que actuarán dos días 10 ao 13 de xullo para máis cen mil persoas.
A oferta musical desta edición preséntase variada e de gran calidade ó incluír bandas procedentes de Finlandia, Irlanda ou Escocia, entre outros. Con todo, se algo destaca no cartel é a aposta pola promoción internacional de grupos galegos tales como Sondeseu, Fía na Roca, Uxía ou Xochilmica, que presentarán nesta Festa Turística de Interese Internacional os seus últimos traballos.
Como sucedeu noutras edicións, o Festival complétase, este ano, cunha ampla oferta lúdica de actividades paralelas ós concertos que abranguen dende artesanía a exposicións, obradoiros, pasarúas...

PUBLICIDADE