Skype culpa irresponsablemente a Microsoft dunha importante caída do seu sistema

martes, 21 de agosto do 2007 Marcus Fernández

O pasado xoves, o servizo de chat e VoIP baseado en tecnoloxía P2P de Skype volveuse inestable e sufriu un fallo crítico que se converteu nunha caída de todo o sistema durante 48 horas, supostamente causada polo reinicio masivo en todo o mundo dos equipos informáticos que viñan de recibir a actualización automática do seu Windows. Segundo a compañía, este reinicio provocou un asolagamento de demandas de conexión á súa rede que provocou unha reacción en cadea que levou ó fallo do sistema.
Tamén aseguran que a súa rede é robusta, e que normalmente se evitan este tipo de fallos, pero que nesta ocasión apareceu un fallo non detectado anteriormente no seu software, de xeito que tiveron a peor incidencia da súa historia.
Pero as explicacións de Skype non parecen convencer ós expertos, pois por unha banda, os reinicios dos sistemas operativos é unha operación frecuente (¿acaso os equipos que se conectan están acendidos as 24 horas?), os usuarios de Skype se reparten en distintos usos horarios e as actualizacións de seguridade de Windows se realizan con frecuencia (¿por qué non apareceu o fallo en actualizacións anteriores?), ou sexa, que en realidade na súa nota admiten que foi un fallo de seu software o que provocou a caída do seu sistema.
¿Por qué culpan a Microsoft dun erro propio? ¿Acaso non queren recoñecer a vulnerabilidade da súa rede? A Internet non é algo que destaque pola súa seguridade, polo que a irresponsabilidade do persoal de Skype ó culpar ó servizo de Windows Update dun fallo na súa aplicación informática só afecta á confianza dos consumidores de xeito negativo. Non deberían disfrazar un erro propio acusando a Microsoft, e aínda que se desculparon cos seus clientes polo fallo, a explicación do acontecido resulta demasiado ambigua, o que deberían evitar no futuro.

PUBLICIDADE