Sequoia Capital aposta polo público feminino na Internet

mércores, 18 de outubro do 2006 Marcus Fernández

A empresa de capital risco que promoveu YouTube e Google (e moitas outras empresas de base tecnolóxica), Sequoia Capital, apostará polo público feminino norteamericano inxectando 5 millóns de dólares a Sugar Publishing (xa recibira 2,5 millóns o ano pasado), unha empresa fundada en San Francisco por Lisa e Brian Sugar que lanzaron unha serie de servizos dirixidos ás mozas estadounidenses encabezados por PopSugar, unha web con información sobre celebridades. Complementan a web co sistemas de contactos e blogs en TeamSugar, información sobre o mundo da moda en FabSugar e un servizo de consellos e axuda chamado DearSugar.
O proxecto conta xa con 3 millóns de usuarias que visitan regularmente as súas webs, e poden indicar un interese global por chegar a mercados que habitualmente estaban afastados da Internet, e que co incremento da penetración da Rede se converten nunha das comunidades de máis crecemento na actualidade e, polo tanto, de máis interese de cara á súa captación tanto para a recepción de publicidade como para a oferta de produtos e servizos.

PUBLICIDADE