Sareb.es podería ser o primeiro nome de dominio español expropiado

venres, 4 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Os actuais propietarios de sareb.es defenden os seus argumentos dende sareb.com

O pasado 19 de decembro os propietarios da marca rexistrada SAREB e dos dominios sareb.com e sareb.es recibiron unha notificación de Red.es na que se lles informa do inicio dun procedemento de cancelación do dominio sareb.es por considerar o Secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Víctor Calvo-Sotelo, que tal nome de dominio é de interese xeral, o que non consideran xustificado os prexudicados, que rexistraron a marca antes da constitución da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Restruturación Bancaria, S.A. (entidade que quere ostentar o acrónimo SAREB pese a non coincidir coa súa denominación societaria) e solicitan deixar sen efecto a reasignación do dominio sareb.es e rehabiliten os seus dereitos (segundo pode lerse na versión en PDF da documentación que remitiron a Red.es para defender a lexitimidade da actual propiedade de sareb.es).
Estariamos ante o primeiro caso de expropiación dun dominio .es, aínda que dende Red.es matizan que realmente non é unha expropiación forzosa, senón que a reasignación conta con maiores garantías de seguridade xurídica para os titulares de nomes de dominio e responde en realidade cunha práctica para evitar o uso dun recurso público que lexitimamente non lle corresponde ao actual propietario dun nome de dominio, evitando así os rexistros con fins especulativos, o que resulta razoable, pero que en casos como o actual pode resultar moi discutible, e haberá que agardar a un ditame xudicial para ver como remata este incidente.

PUBLICIDADE