Rojadirecta recuperará os seus dominos .com e .org</Em>

xoves, 30 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Hai preto de 19 meses as autoridades estadounidenses embargaron os dominios de Internet rojadirecta.com e rojadirecta.com, nunha polémica actuación na que parecían estar a usurpar a soberanía española, por actuar contra un servizo web que xa fora declarado legal polos tribunais españois en dúas ocasións, pero os responsables desta páxina web oleirense non se renderon e levan dende ese momento reclamando a través dos seus representantes legais en San Francisco e New York a devolución dos seus principais dominios de Internet (actualmente operan baixo o dominio rojadirecta.me, que está fóra do alcance das autoridades norteamericanas), o que levounos a demandar ao Goberno, ao Ministerio de Seguridade Nacional e ao Departamento de Inmigración e Custodia dos EE.UU., provocando a denuncia do Goberno aos dominios afectados, solicitude que onte retiraron, o que provocou que a Corte do Distrito Sur de New York ordenase a devolución dos dominios.
Dende Puerto 80 Projects xa están a realizar as xestións para que nas vindeiras horas Rojadirecta volva a estar dispoñible a través de rojadirecta.com e rojadirecta.org, dominios que segundo os seus responsables “nunca deberon ser censurados”.
Non faltan voces que consideran que este tipo de actuacións das autoridades estadounidenses resultan inaceptables, pois bloquean o acceso a páxinas web durante moitos meses, sen explicación algunha e sen apoio legal para iso, e non aceptan ningún tipo de responsabilidade sobre os seus abusos tras desistir na súa incautación de dominios de Internet e nin sequera dan conta dos motivos que os levan a desestimar voluntariamente a denuncia aos dominios de Rojadirecta.

PUBLICIDADE