Bromas na Internet para celebrar o Primeiro de Abril

mércores, 1 de abril do 2009 Marcus Fernández

O Chrome ofrecería a opción de ver páxinas web en 3D

Hoxe o mundo anglosaxón celebra o April Fools’ Day, que tamén ten os seus ecos en Brasil e mesmo en Galicia, converténdose nunha réplica do Día dos Santos Inocentes moito máis internacional, e que faise notar especialmente na prensa tecnolóxica, no que son habituais bromas moi traballadas, que por desgraza chegan a xerar informacións falsas nos vindeiros días, polo que esta semana haberá que ter tino fronte a certas novas.
Unha das compañías que fixo unha das bromas máis orixinais foi Google, que anunciou o proxecto CADIE, do que sairía unha versión modificada do navegador web Chrome que permitiría ver páxinas web en 3D facendo uso de lentes de cor azul e vermella, e completando a información cun blog bastante ridículo e un vídeo en YouTube que tamén ten o seu aquel.

Varios medios galegos caeron na broma do Primeiro de Abril de Chuza

A outros niveis tamén se fixeron anuncios coma que a Warner ía mercar The Pirate Bay, Disney achegaría o seu catálogo a Hulu, Google estrearía un buscador cerebral, The Guardian ía publicarse totalmente a través de Twitter, Yahoo estrea un buscador ideolóxico, van reiniciar a Internet, alugan habitacións na lúa ou que a música almacenada nos iPod incrementa o seu peso, pero en chave local non podemos esquecer a Chuza, sistema de recomendación de novas que parecía clausurado por unha falsa notificación xudicial, broma que está a ter a súa repercusión en medios de comunicación coma La Voz de Galicia ou Xornal.com, que fan eco da nova a través da axencia EFE.

PUBLICIDADE