Planeta abre o primeiro outlet de libros na Rede

martes, 21 de abril do 2009 Raquel Noya

Unha vez máis, a iniciativa levada a cabo por unha empresa privada lévanos a confirmar as nosas sospeitas de que o futuro pode estar na Rede.
Todas as entidades, tanto públicas como privadas (e case sen excepcións), están comezando a abrirse camiño en Internet para non quedar obsoletas e poder ofrecer os seus produtos e servizos nas mesmas condicións de igualdade que o resto das súas competidoras, porén se o fan poñendo prezos moito máis competitivos que os da tenda física, os internautas non podemos máis que alegrarnos de que a Rede sexa un dos medios escollidos por estas empresas para vender os seus produtos.
Desta volta, a editorial Planeta DeAgostini Profesional e Formación, do Grupo Planeta, vén de sumarse a este tipo de iniciativas e vén de abrir unha tenda en liña que funciona como o primeiro “outlet” de libros en Internet, onde pon a disposición de todos os internautas preto de 300 títulos a un prezo único de 5 euros cada un.
Os libros pertencen aos selos editoriais Deusto, Gestión 2000 e CEAC e as súas temáticas céntranse nas finanzas, na contabilidade, no marketing, nas relacións públicas e na economía, así como nas áreas de comunicación, educación e psicoloxía.
Os responsables da tenda en liña aseguran que se trata dunha “iniciativa novidosa no mercado editorial”, que lle vai permitir a Planeta sacarlle partido aos libros sobrantes, que adoitan ser destruídos ou vendidos ás canles especializadas en saldos editoriais.
Os lectores e lectoras, asemade, son outra das partes que máis se van beneficiar desta decisión xa que teñen un acceso “case universal” a títulos especializados por un prezo nunca antes imaxinado para os mesmos.

PUBLICIDADE