Os nomes de usuario personalizados chegan a Facebook sen incidentes

luns, 15 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Christine Shipley sorprendeu ao conseguir o enderezo web facebook.com/default.aspx

Durante a madrugada entre o venres e o sábado Facebook abriu o rexistro de nomes de usuario, de xeito que as persoas que empregan esta popular plataforma de redes sociais comezaron a poder elixir un identificador que facilite a súa localización, de xeito para acceder a un perfil de usuario xa non habería que ir a un enderezo web tan críptico coma facebook.com/profile.php?id=785903965, senón agora pode facerse a facebook.com/nomedeusuario, o que supón un importante avance de cara a confirmar a Facebook como unha plataforma para manter unha identidade en liña.
Contra todo prognóstico, o inicio desta nova posibilidade non foi un caos absoluto, e o servizo non tivo problemas pese a que foron centos de milleiros de usuarios os que correron para intentar facerse cun nome de usuario atractivo (normalmente o mesmo que empregan para o correo electrónico, o que máis se aproxima ao seu nome real ou alcume e, simplemente, para evitar ter que utilizar números no identificador).
Dende Facebook tomaron medidas para que certos nomes non puidesen utilizarse, e incluso intentaron evitar que a xente puidese rexistrar identificadores que puideran confundirse con nomes de ficheiro, de xeito que ninguén puido facerse, por exemplo, cun identificador coma facebook.com/index.html, aínda que unha moza de San Francisco, Christine Shipley destacou ao rexistrar o identificador default.aspx, de xeito que o seu enderezo web correspondería á páxina de entrada de Facebook se estivese programado en ASP en vez de PHP.
Curiosamente algúns persoeiros, traballadores de Facebook e mesmo xornalistas puideron facerse con nomes de usuario antes da apertura de rexistro, mentres que moitos usuarios están a protestar ante a imposibilidade de rexistrar os seus nomes de pía coma nome de usuario (pese a que están libres) do que non se deu ningunha explicación oficial.

PUBLICIDADE