Os dominios .co ábrense ao mundo

mércores, 21 de xullo do 2010 Marcus Fernández

A dificultade de atopar nomes de dominio na Internet con nomes atractivos, especialmente baixo o sufixo .com, leva en moitos casos a buscar alternativas imaxinativas, entre as que estarían dos dominios de segundo nivel correspondentes a Colombia, que dende hoxe comercializa a nivel global a compañía .CO Internet a través de axentes rexistradores coma 1&1, eNom, InterNetX, Register.com, Dotster ou GoDaddy, que a prezos que van dende os 23,16 euros permiten facernos cos nosos propios dominios rematados en .co, o que algúns entenderán que é unha oportunidade para facerse cun nome de dominio atractivo que pode confundirse cun .com, aínda que isto mesmo pode xogar na súa contra (xa que os usuarios afeitos aos .com tenderán a engadir tal sufixo á nosa marca, en vez dun pouco coñecido .co).
Parece evidente que a aposta por un dominio .co é algo que precisa de certa reflexión (a meirande parte dos actuais compradores deste tipo de dominio só están a protexer as súas marcas na web), pero o que resulta innegable é que o .co é máis breve que o .com, e avanzando nesta dirección Twitter vén de adoptar o dominio t.co como abreviador de enderezos de Internet (só para uso interno, co que pretenden convertelo nun servizo seguro que protexa aos usuarios de phishing e outras ameazas).
Overstock.com tamén mercou (por 350.000 dólares) o dominio o.co para fortalecer a súa marca na Internet e converter así o O coma sinónimo de Overstock.

PUBLICIDADE