O videoblog de Quintana incorpora novas ferramentas para os internautas

venres, 14 de novembro do 2008 Raquel Noya

Andrés Milleiro faille unha pregunta ao vicepresidente da Xunta a través da sección Fálame de Quin.tv

O videoblog do voceiro nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Anxo Quintana, Quin.tv, vén de renovarse ao incorporar ás súas ferramentas de navegación unha nova sección dende a cal, os e as internautas que o desexen, pódense dirixir a el por vídeo e expoñerlle as súas preguntas, suxestións ou valoracións persoais.
A nova ligazón do blog do nacionalista leva por título Fálame e xa conta coas primeiras achegas dos internautas, que lle cuestionan dende temas relacionados co fútbol ata “que pasará con Citröen”, pasando por suxestións útiles para alternativas de transporte.
Asemade, o videoblog vén de incorporar unha nova sección, que se fai chamar Espalla, onde os usuarios poden incorporar importantes novidades para espallar Quint.tv polas redes sociais como o Widget, unha páxina de promoción en Facebook e canles en Twitter e Lareta para avisar de actualizacións.
Para aqueles internautas menos experimentados na materia, o blog de Quintana tamén vén de incorporar un apartado de axuda onde se explica con detalle como subir un vídeo e os pasos que hai que seguir para facelo correctamente.

PUBLICIDADE