O reprodutor de vídeo de YouTube podería incorporar melloras en breve

luns, 28 de maio do 2007 Marcus Fernández

Acceso aleatorio nos vídeos de YouTubeTrala adquisición do servizo de vídeos na Rede YouTube por parte de Google os usuarios apenas percibiron ningún cambio, pero segundo publican en varios blogs, están a traballar nunha actualización do reprodutor de vídeo de YouTube que se integra nas páxinas web dos seus usuarios, para integrar características das que xa gozaba o reprodutor de Google Video.
Así, os vídeos de YouTube non se terán que ver forzosamente de principio a fin, senón que será posible navegar polos vídeos ata posicións en concreto (e incluso definir ligazóns que leven directamente a ese punto do vídeo), non tendo que agardar á pre-carga dos fragmentos de vídeos anteriores.
O HTML para incrustar os vídeos nas nosas webs será doado de achegarPero as melloras do reprodutor non se cinguen ás características de Google Video, senón que comezaría a incorporar funcións que melloran o popular reprodutor de vídeo para competir con outros competidores, como podería ser a visualización de miniaturas sobreimpresas de vídeos relacionados co que se está a ver (que permiten navegar entre varios vídeos sen cargar páxinas distintas) e mesmo a posibilidade de achegar o código HTML que permiten incrustar os vídeos en páxinas webs e blogs sen ter que visitar o sitio de YouTube, aforrando tempo ós usuarios.
Non se coñece o que tardará YouTube en incorporar estas novas funcións, pero de seguro que os usuarios as acolleran de bo grado, xa que pese á existencia de servizos de calidade superior, o volume de clips no servizo de vídeo o converten nun líder absoluto, que de mellorar en prestacións consolidará a súa posición durante máis tempo.

PUBLICIDADE