O XGN despídese un ano máis con bo sabor de boca

luns, 6 de abril do 2009 Raquel Noya

O encontro informático visto a través da cámara dun dos seus asistentes

Logo de tres intensos días de xogos, relatorios, concursos, software libre, campionatos, proxeccións, interactividade, e un longo etcétera de actividades que fixeron as delicias dos máis de 1.800 participantes do XGN, a party informática máis importante da nosa terra chegou á súa fin no medio de sorrisos e bágoas.
Ao igual que os falleiros e falleiras choran cunha mestura de alegría e mágoa cada vez que o lume estraga os bonecos que con tanto esmero fixeron ao longo de un ano, os participantes da décima edición do XGN despedíronse onte do evento cunha sensación de euforia (por mor da adrenalina que aínda escorría polas súas veas) mesturada con pena (por ter que agardar máis que nunca a que volva a seguinte edición) e con sono, moito sono.
Pese a iso, moitos internautas non deixaron morrer as súas últimas horas na capital e aproveitaron que hoxe non había clase (nin traballo para algúns afortunados) para pasar a noite do domingo celebrando o xa vivido “e o que queda por vivir” en torno a este tipo de encontros.
Dende as seis e media da tarde, hora na que se entregaron os premios correspondentes aos distintos torneos librados no encontro, os “xuventudeiros” foron abandoando as instalacións do multiusos do Sar, con moita menos presa do que o fixeron para entrar tres días atrás; aínda que tamén hai que ter en conta que moitos levaban consigo máis material do que trouxeran co que se lles perdoou a demora. Referímonos aos gañadores dos distintos campionatos, entre os que destacaron os seguintes:
- Starcraft: Clan Lume na Palleira. Gañou varias tarxetas gráficas e unha fonte de alimentación.
- Cod 4: Clan serecutiños. Levou o mesmo premio que o anterior.
- Case Mod (modificacións a caixas de equipos): Fernando García Mariño. Xogo de tarxetas gráficas, fonte de alimentación e USB de 16 xigas.
- Habilidade con robots: Grupo Xaquín. Fíxose cunha impresora láser e cunha cámara de fotos dixital.
- Robocode: Antonio Resa García. Levou un disco duro multimedia e unha impresora fotográfica Canon.
- Fórmula 1: Pablo Puig. Foi galardoado cunha impresora láser e cunha cámara de fotos.
- Mellor vídeo: Rafael Carbayeda Castro: Levou para a súa casa unha Playstation 3 e unha impresora fotográfica.
- Real Time Battle: Severo Javier García Garrido. Levou un disco duro multimedia e unha impresora fotográfia Canon.
- Animación: José Miguel Sagüillo Arbones. Gañou nada menos que un ordenador completo, con grande potencia gráfica para levar á pantalla os seus proxectos máis ambiciosos.

Máis de 1.800 participantes déronse cita no Multiusos Fontes do Sar en Santiago de Compostela

Pero non soamente os usuarios rexistrados puideron disfrutar deste dispendio de tecnoloxía e videoxogos pois, ao igual que outros anos estivo habilitada a extranet, un espazo aberto dentro do XGN que recibiu visitantes a eito ao longo dos tres días.
Nela chamaba a atención o stand de Lego, no que se atopaban versións de Bender ou a Estrela da Morte feitos de pezas cúbicas, e tamén os clásicos como os obradoiros de globoflexia, os circuitos de scalestrix e os cursiños de loita con armas de seguridade, feitas con gomaespuma.
Asemade, a Dirección Xeral de Comunicación colocou un percorrido virtual con “aerodeslizadores” por toda a cidade, que nun primeiro momento chamaban á atención dos visitantes máis logo resultaba algo difícil usalo.
Nesta edición tampouco faltaron as competicións de videoxogos (Street Fighter 4 e Pro Evolution Soccer), que permaneceron abertas tamén de noite, nin as mostras de robótica, nin as proxeccións de filmes; este ano tocoulle a Pérez 2, O ratiño dos teus soños, que foi proxectada de balde para tódolos visitantes.


Vídeo no que se homenaxeaba o 10º aniversario de XGN

PUBLICIDADE