O INE publica os resultados da enquisa sobre o uso das TIC dende o fogar

mércores, 5 de outubro do 2011 Redacción

O INE sitúa a Galicia e a Estremadura na cola do uso das TIC en España

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de publicar os resultados da enquisa sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares españois, reflectindo que o 71,5% dos fogares con ao menos un membro de 16 a 74 anos dispón de ordenador, o que supón un incremento do 2,8% con respecto ao ano pasado, amosando tamén que os ordenadores de sobremesa (48,9%) teñen practicamente a mesma implantación que os portátiles (48,8%) o que supón un incremento de máis de 6 puntos nestes últimos. No tocante ao acceso a Internet, os 63,9% dos fogares terían acceso á Rede fronte ao 59,1% de 2010, polo que uns 800.000 fogares teríanse conectando á Rede no último ano.
Se entramos a analizar os resultados por comunidades autónomas, temos que mentres algúns medios destacan que Galicia está á cola de España no uso da Internet e dos ordenadores, dende a Administración autonómica son máis positivos e destacan que máis da metade dos fogares galegos están conectados á Internet de banda larga por primeira vez dende que se realizan estes estudos.
Se miramos os datos históricos, vemos que a banda larga en Galicia pasou de estar só no 9% dos fogares en 2004 ao 51,6% en 2011, medrando 5,1 puntos no último ano (mentres que a nivel estatal o crecemento foi do 4,5%). Se analizamos as conexións á Internet en xeral, tamén teriamos que é a primeira vez que Galicia supera o 50% chegando ao 53,3%, o que dá a entender que o 1,7% dos fogares galegos acceden á Rede a velocidades que aínda non poden considerarse de banda larga.
Entre as causas que levan aos fogares a carecer de acceso á Rede, os principais motivos aducidos son o non precisar da Internet (68,4%), a falta de coñecementos para o seu uso (32,2%), os elevados custos da conexión (20,4%) ou do ordenador (19,2%) ou, simplemente, que acceden dende outro lugar (18%), mentres que a falta de cobertura de banda larga só sería a causa argumentada polo 7,5% dos galegos sen acceso (31.477 fogares).
Na presenza de ordenadores no fogar Galicia tamén está a converxer co resto do Estado, co 65,5%.

PUBLICIDADE