O Ciberpaís publica a súa radiografía das webs municipais españolas con luces e sobras sobre as galegas

xoves, 19 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Como vén sendo habitual nestas data, o suplemento tecnolóxico de El País publicou o seu informe sobre as páxinas web dos concellos españois, que vai xa pola súa sétima edición e que analiza xa un total de 138 webs en parámetros como a facilidade para realizar trámites propios da Administración electrónica, a accesibilidade ou a incorporación de servizos colaborativos baseados na Internet.
Este ano destaca que 133 dos 138 concellos inclúen rueiro, 104 permiten a realización de xestións dende as súas webs, 80 permiten o pago telemático e 69 inclúen o seguimento das peticións administrativas, ou sexa, que a evolución actual é moi positiva, de xeito que a situación é totalmente diferente das primeiras edicións da radiografía que fai o Ciberpaís das webs municipais.

Algúns concellos como o de A Coruña contan coa súa propia canle de vídeo

De tódolos xeitos, un parámetro que continúa a suspender a Administración electrónica é a accesibilidade, con só 44 concellos que superan o test de accesibilidade que é obrigado por lei.
Tamén hai un cambio importante nas webs dos concellos, que están a adaptarse ó seu uso dende o móbil, inclúen contidos multimedia, chaman á participación cidadá e ofertan servizos sociais de distintos tipos (dende o intercambio de prazas de aparcadoiro ata a petición de doazóns de sangue urxentes) aínda que, como no resto da Rede, a estrela deste ano o vídeo, con concello como o de A Coruña, que inclúen a súa propia televisión en liña.
Seguindo en Galicia podemos ver as dúas caras da moeda, pois temos que o Concello de Vigo é o cuarto de España segundo os criterios do Ciberpaís, recoñecéndose o seu favor dun mellor trato co cidadán, mentres que por outra banda temos o caso de Pontevedra, que é unha das ovellas negras estatais, quedando na posición 136, ou sexa, quedando só por detrás de Torrevieja e Torremolinos.
Vigo: Concello exemplar
O informe destaca o traballo do concello de Vigo por aliviar a carga burocrática para o cidadán, contando cunha Oficina Virtual na que atenden as 24 horas e mesmo aceptan o DNI electrónico para a identificación, estando á cabeza de España nos servizos de Administración electrónica.
A web tampouco se queda curta en servizos de sindicación de novas por RSS (incluíndo mesmo alertas de tráfico), carpetas cidadáns e outras facilidades que lle valeron o recoñecemento do Ciberpaís como unha das mellores webs municipais.

Pontevedra: a vergoña do Estado
Ourense e Pontevedra estaban historicamente nos últimos postos de anteriores entregas deste informe e, mentres Ourense retomou posicións ata chegar ó posto 62, o Concello de Pontevedra amosa unha patética imaxe na Rede, sendo unha das 4 peores webs en accesibilidade, non responde ás consultas cidadás, non permite realizar pagamentos, non inclúe buscador interno e convértese así na peor web dunha capital de provincia española que agardemos que mellore no futuro.

PUBLICIDADE