Nace unha rede social segura para a infancia
xoves, 31 de xullo do 2008
Actualmente, diversos estudos confirman que preto do 50 por
cento dos nenos e nenas do noso país comunícase por Internet a través de redes
sociais e chats e o 20 por cento dos mesmos fano a diario sen a supervisión
dalgún adulto e as máis das veces con descoñecidos. A este respecto, as cifras
indican que tan só o 9 por cento dos fogares conta con algún programa de
control parental no ordenadores domésticos, polo que Internet pode considerarse
como unha ferramenta perigosa e de risco para os cativos se non se ten conta de
que naveguen por sitios seguros e de confianza para eles.
É por isto que a empresa K-ID Internet for Kids S.L (experta
en solucións de seguridade infantil en internet) vén de lanzar a súa primeira
iniciativa, a web MyFamilypedia,
coa que pretende “previr a violencia e
educar á infancia para a seguridade na Rede”.
Trátase dunha nova rede social baseada na nova xeración de
Internet web 2.0, onde as familias poden compartir información entre os seus
membros e con amigos e amigas do mesmo espazo de xeito seguro.
A idea básica é
“compartir e recomendar webs” dedicadas a nenos e nenas de xeito que entre
tódolos membros logren atopar sitios seguros e atractivos para os máis cativos.
Para ser usuario de MyFamilypedia hai dúas opcións: o
rexistro de identificación tra-lo pago dunha cota anual de 30 euros coa tarxeta
bancaria, para que o usuario estea identificado de xeito seguro para o resto de
usuarios do portal ou totalmente de balde mediante o rexistro previo.
A primeira das modalidades permite que os seus usuarios
naveguen con total seguridade en todo o sitio xa que está avalado pola súa
total identificación; coñécese como Estado
verde.
A segunda modalidade ten o espazo limitado a 500 Mb para
compartir información e os usuarios non poderán participar na rede social de
nenos e nenas ó non estar avalados por ningunha identificación; é o que se
coñece como estado vermello.
O site para a infancia, Chicos
Cool, é unha rede social na que os cativos da casa poden estar en contacto
cos seus amigos e facer outros novos, sempre baixo a supervisión dos seus
proxenitores e de xeito totalmente seguro.