Nace Peoplesound, unha nova rede social que integra mensaxes SMS e Internet móbil

mércores, 22 de abril do 2009 Raquel Noya

Buongiorno, a multinacional de entretemento dixital, vén de unirse á febre das redes sociais co lanzamento oficial de Peoplesound, unha ferramenta concebida especialmente para os usuarios do teléfono móbil que non queren deixar de estar ao día na súas comunidades virtuais, incluso sen estar perante ao ordenador.
A principal desvantaxe desta nova rede social (que, sorprendentemente, a compañía anuncia como vantaxe) é que establece un límite á listaxe de contactos de 20 persoas, co obxectivo, aseguran, “de garantir a verdadeira privacidade das mensaxes que chegan”.
O mellor da aplicación é que permite que os usuarios e usuarias poidan recibir avisos e realizar actualizacións do seu estado tanto dende o ordenador como a través de SMS, de xeito doado e inmediato e sacándolle o máximo partido a este dispositivo.
Xa que logo, Peoplesound serve de ligazón entre o ordenador e o móbil para crear unha rede de relacións “máis duradeiras e profundas” coas persoas coas que cada usuario mantén realmente unha comunicación máis estreita e próxima.
O feito de que o 85 por cento dos españois empregue os SMS como medio de comunicación nos seus contactos habituais, converte a esta ferramenta nunha rede cunha forte demanda e amplas perspectivas de éxito, posto que permite enviar mensaxes de balde aos contactos, así como recibir por esta vía actualizacións e novas de interese para o usuario.
Os responsables da aplicación escolleron o nome de Peoplesound “pola súa capacidade para evocar épocas e espazos nos que Internet non existía e as comunicacións entre as persoas se producían de xeito espontáneo e sen filtros”.
No actual contexto da Web 2.0, Peoplesound defínese como “unha rede social móbil pensada para as relacións profundas”, en contraste coa maioría de redes existentes que, a través de Internet, buscan multiplicar os contactos “de xeito indiscriminado” sen que se trate de amigos de verdade, senón de coñecidos na maioría dos seus casos.
Peoplesound nace da evolución da fase beta de blinko, unha etapa que lle permitiu a Buongiorno chegar a establecer unha versión definitiva e completa do que ata agora é a primeira rede social móbil que ofrece unha interacción real e eficaz.
Para acceder a Peoplesound dende o móbil, os usuarios deben dirixirse á ligazón http://m.peoplesound.com (e tamén m.pplsnd.com).

PUBLICIDADE