Música por Internet con Rockola.fm

luns, 23 de xuño do 2008 Raquel Noya

Se es dos que che gusta escoitar música até debaixo da auga e estás un pouco canso de pór as coleccións que tes na casa unha e outra vez, na redacción de Código Cero vimos de dar cunha solución á túa medida na Rede: Rockola.fm, unha páxina web que che permitirá poñer cancións axeitadas ó teu estado de ánimo ou de décadas pasadas sen ter que remexer e botar man de discos que nin sequera sabías que tiñas.
Trátase dunha radio por Internet ao estilo de Last.fm que conta cun completo buscador de cancións ás que se poden acceder a través de múltiples opcións de personalización para o usuario: por década á que pertence, artista que a interpreta, título ou etiquetas adxudicadas por outros usuarios.
Asemade, este servizo permítelles aos internautas crear as súas propias emisoras coa música que prefiran ou premer na ligazón de “emisoras xa creadas” que conteñen diferentes estilos e artistas acordes ás súas necesidades máis específicas; por exemplo Rockola.fm xa ten creada a emisora Érase unha vez que inclúe temas infantís e bandas sonoras de series de debuxos animados e contos ou a emisora Guateque80, que ten todo o que precisamos para animar a festa de aniversario dos nosos pais e non fracasar no intento.
Podemos incluso ir máis alá e escoller as cancións máis axeitadas para a nosa disposición no intre no que nos conectamos, ou os temas dunha década en concreto. Con estes parámetros, o servizo buscaranos a música acorde ás nosas peticións e permitiranos opinar se nos gusta ou se non nos gusta para ter en conta a nosa decisión en vindeiras ocasións. Deste xeito, a medida que vaiamos escoitando máis e máis cancións, o sistema irá ao gran á hora de ofrecernos os temas, sen ter que dar voltas ou rexeitando o que soa unha e outra vez.
Tratándose dunha web recente non podía faltar, asemade, unha rede social con múltiples opcións, onde os usuarios poden compartir as súas emisoras e músicas preferidas.

PUBLICIDADE