Mundo.es publica unha selección do mellor da blogosfera

venres, 19 de setembro do 2008 Marcus Fernández

A incubadora de negocio Boom Business vén de estrear a web Mundo.es, que é un agregador de novas tomadas de blogs, presentando a información cun formato moi semellante ao dun xornal dixital, e estando os contidos administrados por persoas que escollen o que consideran máis interesante da blogosfera (aínda que na fin de semana serán os lectores os que definirán a súa portada mediante votacións).
As entradas neste novo espazo repártense en varias categorías (Tecnoloxía, Economía, Negocios, Internet, Sociedade, Deportes, Lecer e Opinión) e a intención de Mundo.es é facer máis doada a vida aos usuarios que non son quen de atender o centos de novas publicadas nos blogs que seguen a través de RSS, de xeito que a labor de filtrado da información a deixan nas mans dos administradores, o que supón un aforro de tempo considerable.
Queda por ver agora se o Grupo Unidad Editorial (ao que pertence a publicación El Mundo) non toma medidas contra este novo medio, posto que a posibilidade de confundir o enderezo da web do agregador de blogs coa cabeceira xornalistica dirixida por Pedro J. Ramírez resulta evidente.

PUBLICIDADE