Miguel Sebastián anuncia a posta en marcha do Plan AvanzaDos

luns, 1 de setembro do 2008 Raquel Noya

O ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, vén de anunciar que o Goberno español porá en marcha, antes de finais de ano, o Plan AvazaDos, con novas liñas estratéxicas e un horizonte temporal ata o vindeiro 2012.
Sebastián adiantou que unha das novidades do citado plan, no marco da potenciación de infraestruturas, será “premiar ós concellos que máis colaboren na mellora da cobertura móbil”.
Así o anunciou na súa intervención inaugural do XXI Encontro de Telecomunicacións, convocado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, onde tamén afirmou que, por primeira vez, parte dos fondos do Plan Avanza, executáronse en colaboración coas Comunidades e Cidades Autónomas, que sen exclusión permitiron a mobilización de 1.302 millóns de euros.
O ministro tamén lembrou, neste senso, “o considerable esforzo presupostario” que supuxo a implementación do Plan Avanza, con máis de 5.000 millóns de euros investidos no periodo 2005-2008 e máis de 3.800 millóns de euros adicionais mobilizados grazas á colaboración doutras administracións públicas, entidades sen fins de lucro e empresas privadas.
Sebastián concluíu sinalando as cinco liñas de actuación principais da política gubernamenal neste eido: “potenciar as súas infraestructuras, mellorar a seguridade no emprego destas tecnoloxías, ampliar a capacitación tecnolóxica dos españois e das empresas, optimizar a calidade dos servizos e xerar o desenvolvemento industrial do redor das novas tecnoloxías”.

PUBLICIDADE