Microsoft segue a mellorar a súa plataforma Windows Live

mércores, 27 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Microsoft presentou dous novos servizos en proba dentro da súa plataforma Windows Live que pretenden reforzar a estratexia na Rede da compañía de Redmond para ter unha mellor posición con respecto ós seus competidores máis directos neste ámbito (Google e Yahoo).
Así, Microsoft tamén incluirá novos servizos de software con valor engadido baseados na Internet, e as novas incorporacións a tal oferta son Live Folders e Live Photo Gallery, que buscan tanto ofrecer unha solución de almacenamento de ficheiros en liña como de publicación de fotografías respectivamente.
Windows Live Folders permitiría o almacenamento de 500 Mb de ficheiros na Rede (o que resulta moi atractivo ós usuarios que traballan dende varios ordenadores ou que queren compartir ficheiros con amigos ou colaboradores) mentres que o Windows Live Photo Gallery sería a resposta de Microsoft ó popular Flickr de Yahoo.

PUBLICIDADE