Meetic faise cos dereitos do seu rival, Match.com

luns, 23 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A rede social especializada en contactos, Meetic, vén de anunciar a compra do seu meirande rival en Internet, Match.com, un portal de características semellantes ao seu comprador que, a mediados deste mes de febreiro, afirmaba ter como principal obxectivo para este 2009, afianzar a súa posición como líder no mercado das procuras de parella por Internet”, algo que, non tardou nin medio mes en quedar totalmente fóra das expectativas.
Meetic, pioneiro neste tipo de servizos en liña nos Estados Unidos, vén de facerse agora co lugar de privilexio no mercado que mantiña Match.com nos países nórdicos e no Reino Unido, onde a compañía ocupaba o primeiro posto en popularidade e beneficios.
O movemento garántelle a Meetic un “posto dominante” no mercado europeo, onde ámbalas dúas firmas rifaban polo seu “control” e onde Match semellaba ter un mellor posicionamento, ao contar con preto de 270.000 subscritores en toda Europa e uns beneficios anuais de 60 millóns de euros.
Agora, coa adquisición desta última, Meetic fíxose co dominio do espazo xeográfico que mantiña en Europa o seu “rival”, o que lle vai xerar un gran valor engadido aos seus clientes, que disporán de moitos máis usuarios cos que poder contactar sen ter que subscribirse en novos servizos.
A operación, que deberá contar co visto bo das autoridades antimonopolio da xunta de accionistas de Meetic, prevese finalizada no vindeiro mes de xuño e achega un custe de 5,3 millóns de euros, así como a cesión dun 26,8 por cento das accións da nova compañía a IAC, ata agora propietaria de Match.com.

PUBLICIDADE