Marvel Comics decláralle a guerra ó P2P

martes, 4 de decembro do 2007 Marcus Fernández

A loita contra a distribución de ficheiros a través das redes P2P xa non se limita a contidos musicais e cinematográficos, pois Marvel Comics, que xa conta cun servizo que permite o acceso en liña ó seu catálogo mediante subscrición, declaroulle a guerra a varias webs nas que se intercambian comics dixitalizados.
Ata o momento as webs Z-Cultfm.com e ComicSearch.co.uk recibiron notificacións de Marvel pedíndolles que retirasen os ficheiros .torrent que leven a contidos protexidos polo copyright, iniciativa á que tamén se están a unir os editores DC Comics e Top Cow Comics, o que non está a agradar ós afeccionados, que ven como a Industria non sabe revitalizar un sector que leva moitos anos en crise, pois ten problemas para atraer a novos lectores.
Os defensores do intercambio de comics dixitalizados aseguran que iso non afecta directamente ás vendas, xa que estas copias servirían para botar un ollo ás obras, de xeito que os seguidores fieis continuarán a facer as súas compras habituais, pero a Internet lles permite mirar as novas coleccións para saber se son do seu interese. Incluso hai quen defende que prefiren ler os comics dixitalizados para poder gardar os orixinais en bolsas de plástico libres de ácido para a súa conservación a longo prazo.

PUBLICIDADE