Máis da metade das microempresas españolas xa ten acceso a Internet

mércores, 15 de abril do 2009 Raquel Noya

Segundo indica o último informe presentado polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI), correspondente a 2008, por primeira vez na historia do noso país, máis da metade das microempresas con menos de 10 empregados (un 53 por cento), dispón de conexión a Internet.
O estudo indica que no último ano, o acceso á Rede nestas empresas, as máis rezagadas na adopción de tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), aumentou en 5 puntos porcentuais, pasando a rondar a mesma cifra que as compañías máis grandes, é dicir, o 95 por cento.
Asemade, o 18,2 por cento das microempresas con Internet xa acceden á Rede por telefonía móbil, unha porcentaxe que no resto das empresas (con máis de 10 empregados) sitúase no 29,4 por cento e que no caso das empresas con máis de 250 empregados, por lóxica, o acceso a Internet a través do móbil chega ao 66 por cento.
No tocante á relación das empresas españolas coa Administración Pública a través de Internet, o informe indica que o 40,9 por cento das microempresas e o 67,1 por cento das pequenas, medianas e grandes entidades, comunícanse por esta canle.
Asemade, o documento presentado polo Observatorio indica que tamén se incrementou o número de empresas con páxinas web, que no caso das empresas que nos ocupan a información, foi do 21,4 por cento.
En canto ao uso do comercio electrónico, o informe sinala que o 21,4 por cento das empresas xa mercaba por Internet, fronte ao 11 por cento que vendía os seus produtos ou servizos no momento da recollida de datos.
Esta enquisa elaborada con datos do INE tamén revelou que, en relación aos problemas de seguridade, a porcentaxe de microempresas con risco de sufrir algún ataque (principalmente de virus) diminuíu en 5 puntos porcentuais, situándose agora nun 11,8 por cento.

PUBLICIDADE