Issuu álzase coma o YouTube de publicacións impresas

luns, 14 de abril do 2008 Marcus Fernández

Issuu xa conta con centos de publicacións

A web 2.0 achegounos distintas aplicacións baseadas na Rede que nos fan doado compartir os nosos documentos sen ter que remitilos por correo electrónico ou doutros xeitos bastante complexos, polo que se queremos difundir vídeos podemos empregar servizos coma YouTube, e se queremos amosar presentacións tamén podemos optar por solucións coma SlideShare; pero agora unha empresa danesa quere facer o mesmo con documentos en PDF e mesmo revistas, cunha plataforma que permite ver os ficheiros directamente na web.
Issuu é o máis semellante que podemos ver a un YouTube para publicacións impresas, que transforma os nosos ficheiros PDF para a súa visualización mediante unha aplicación Flash que se pode incrustar nas nosas webs. Podemos así navegar polas distintas páxinas das nosas publicacións, ampliar os contidos para lelos comodamente, pór a pantalla completa o visor de documentos e mesmo imprimir, facendo moi doada a difusión deste tipo de contidos, e cun manexo moito máis elegante e sinxelo que outros servizo semellantes coma Yudu Freedom.
A web creada en Dinamarca xa conta con varios centos de publicacións catalogadas na súa plataforma, incluíndo revistas de todo tipo, comics, catálogos ou portafolios, e aínda que o servizo é de balde, os seus creadores, Ferro-Thomsen e Mihael Hansen, poderían crear unha edición premium de pago máis adiante.
O servizo baséase en Flash 9, polo que tamén están a pensar en desenvolver un sistema que funcione en versións menos avanzadas de Flash (¿pensando quizais en dispositivos móbiles?).
O desenvolvemento tecnolóxico de Issuu realizouse entre febreiro e decembro de 2007, e agora xa temos un produto final de grande calidade, pero podería supor toda unha revolución para a achega de manuais, revistas e moitas outras publicacións que ata o momento se limitaban a un acceso dende o escritorio do ordenador e que agora saltan á web.


O último número de Código Cero visto dende Issuu

PUBLICIDADE