Google entra no mercado dos dominios de Internet

luns, 18 de decembro do 2006 Marcus Fernández

As liñas de negocio de Google non paran de diversificarse e a compañía do buscador máis popular do mundo vén de pechar un acordo cos rexistradores de dominios de Internet GoDaddy e eNom de xeito que Google permite á xente que rexistren a través deles dominios .com, .net, .bi e .info por 10 dólares/ano que se configuran automaticamente para o servizo Google Apps, polo que poden empregar o seu novo nome na Internet para páxinas webs ou outros servizos de Google (correo electrónico, calendario, mensaxería instantánea...).
Este novo servizo de Google permitiría ós usuarios menos experimentados a contratación dun dominio de Internet dende o que poderían crear contas de correo coas características de Gmail (con 2 Gb de capacidade), terían hospedaxe web gratuíta e contarían con moitas outras prestacións, sen ter que realizar complexas configuracións, podendo acollerse ó mesmo empresas de calquera dimensión (así como usuarios particulares). Incluso hai quen auspicia que en breve se poderá integrar este tipo de dominios con Blogger, polo que os usuarios poderían ter un blog cun dominio de seu por 10 dólares/ano.

PUBLICIDADE