Google adáptase ó iPhone

mércores, 5 de decembro do 2007 Marcus Fernández

O móbil de moda, o iPhone, está converterse nun dispositivo móbil moi empregado para navegar pola web, polo que dende Google tiveron que reaccionar adaptando a súa web ó móbil de Apple para evitar a fuxida de usuarios a servizos alternativos que xa se adaptaron nos pasados meses.
Agora, os usuarios do iPhone ou do iPod Touch poden acceder a unha nova versión móbil de Google que presenta na súa parte superior unhas pestanas nas que podemos seleccionar o buscador, o correo electrónico, o calendario, o lector de fluxos RSS e outros servizos (Documentos, Goog-411, SMS, Noticias, Fotos e Notebook, non todos dispoñibles desde España).
Estes servizos están optimizados para o iPhone, de xeito que agora xa non é preciso acceder a versións máis limitadas pensadas para outros dispositivos móbiles, o que se nota especialmente en Google Reader, que mellorou a súa interface considerablemente.

PUBLICIDADE