Google News proba na súa edición norteamericana a inclusión limitada de comentarios

xoves, 9 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Google News está a probar a incorporación de comentarios limitados nas novas que enlaza, o que supón unha polémica característica, pois non principio só poderán publicar comentarios as persoas implicadas nas novas, de xeito que deberán ter todo un sistema para identificar ás persoas que poidan emitir as súas opinións sobre certas novas que, ademais, aparecen en medios de comunicación alleos a Google.
Con esta mellora queren incrementar o valor das novas que recomendan, así como poder incluír publicidade na sección de comentarios (na actualidade Google News carece de publicidade para evitar conflitos cos medios dos que recolle novas).
Este novo servizo agregado a Google News está limitado a EE.UU. e a poucos usuarios, pero pretenden ir espallándoo polas distintas edicións internacionais, así como tamén poderían abrir os comentarios a calquera usuario máis adiante, aínda que algúns escépticos sospeitan que o novo engadido podería non chegar nunca a pasar da fase de probas, xa que a súa aplicación podería provocar moitos problema (mesmo legais) a Google.

PUBLICIDADE