GalegoLab fai reconto de logros con motivo da súa candidatura aos Mestre Mateo

xoves, 17 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

O equipo impulsor de GalegoLab, fotografado na inauguración do portal por A Nosa Terra

Tal e como anunciamos onte en Código Cero, entre os finalistas deste ano aos Premios Mestre Mateo na categoría de obras interactivas (as que máis nos collen de preto pola temática desta web) atópase un proxecto do que levamos falando durante meses, sobre todo polas iniciativas tecnolóxico-culturais ás que dá acubillo, orientadas a promover a nosa lingua de xeito orixinal en espazos, feituras e formatos até hoxe pouco transitados pola nosa lingua. Falamos de GalegoLab, plataforma de cuxo nacemento fomos testemuñas, e que dende o comezo amosou un interese por tirarlles o máximo partido ás vantaxes de colaboración que achegan eses puntos de encontro que son as comunidades-web.
Neste caso concreto o punto de encontro é o portal galegolab.org, rede social de crowdsourcing (traballo colectivo para un obxectivo concreto que, sen contar coa Internet 2.0, tardaría máis en darse) dende a que se presentan diferentes proxectos de promoción para que sexan votados ou reciban os apoios que precisan.
Cómpre lembrar que esta web, posta en marcha o 20 de maio de 2010, xa recibiu recoñecementos ao longo da súa relativamente breve andaina, por exemplo o da Secretaría Xeral de Modernización, que premiou a GalegoLab polo desenvolvemento de contidos na categoría de promoción do Patrimonio e Lingua Galegas.
Até o de agora, o espazo en liña de GalegoLab xa conseguiu 831 usuarios rexistrados, aos que cómpre engadir o medio milleiro de seareiros en Twitter e os 2.382 de Facebook. No que atinxe ás ideas propostas para o pulo da nosa lingua onde máis se precisa, dicir que arestora contabilizamos 33. Entre as máis recentes e que atoparon meirande repercusión cómpre salientar a proposta para reactivar Flocos.tv, unha iniciativa da que dimos conta en Código Cero e que, tal e como se indica, encamíñase a conseguir co devandito servizo audiovisual galego o que recentemente tamén se acadou coa comunidade de información Chuza!, pechada polos problemas de mantemento que achegaba e agora plenamente en activo. Máis en detalle, a proposta de GalegoLab a prol de Flocos.tv consiste en pedirlles ás autoridades que teñan competencia nestas cuestións o rescate de todo o presentado ao abeiro de Flocos.tv, amais dos permisos para reproducir este legado. Unha vez que se volva por en marcha o espazo, iniciarase unha nova xeira de traballo na que autoras e autores audiovisuais poderán pendurar as súas pezas propias novas.
Polo que atinxe a proxectos xa rematados, a comunidade GaleboLab fixo posible o remate de catro. Son os seguintes:
· Pinchadas de música. Levouse a cabo o 4 de setembro en Vigo.
· A galega para 145 millóns de usuarios. Consistiu en colocar a etiqueta #galega como o tema do momento no Twitter a nivel estatal do 6 de outubro. Tivo unha segunda parte, na que se conseguiu este mesmo obxectivo.
· Asemade, conseguíronse tódolos recursos necesarios para 24 horas galego fullscreen, un certame de vídeos no que os participantes debían expresar como é a súa vida en galego ao longo dunha xornada.

PUBLICIDADE