Mobilizacións na Rede galega para recuperar Flocos.tv

xoves, 3 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Flocos.tv, a plataforma posta en marcha hai uns dous anos pola Axencia Audiovisual Galega para achegarlle ao mundo a produción fílmica da nosa industria, vén de pechar as súas portas. A nova, reflectida por diferentes medios (Xornal, A Nosa Terra, Chuza!), está a ser recibida con moita preocupación entre os profesionais e os seareiros do noso audiovisual, e máis tendo en conta que Flocos.tv chegou a consolidarse (malia o breve da súa traxectoria) na Rede como a pantalla común do cinema galego, unha rede social máis específica e coherente que YouTube (por citar un referente máis ou menos directo) que deu acubillo á industria e aos novos creadores individuais. Con todo, o portal (que foi deseñado por A Navalla Suíza), pode ter aínda folgos para a súa recuperación. Así nolo contan os responsables do blog Cinemagalego, un grupo de directoras e directores da nosa terra que está a realizar un importante labor de rescate dunha parte dos vídeos que até o de agora puidemos ver en Flocos.tv.
Estas pezas recuperadas, informan, están xa para quen queira velas no devandito blog. A xuízo dos autores do caderno, cómpre pechar fileiras arredor da reactivación da dita plataforma ou de outra que siga o ronsel deixado, ao estilo da mobilización internauta que foi quen de sacar a Chuza! dun peche que moitos xa criamos seguro. “O peche do portal”, sinalan facendo referencia á falta de apoios autonómicos que o motivaron, “é un símbolo do miserento futuro audiovisual que está por vir”.
A iniciativa non está soa, e xa conta con medidas paralelas na comunidade de usuarios de GalegoLab, o obradoiro en liña de iniciativas culturais, que tamén dá acubillo a unha proposta para reabrir do devandito espazo, posibilitando asemade a inclusión de máis obras públicas e ou privadas co permiso dos autores nunha iniciativa sen arela de lucro. Segundo contan en GalegoLab e reflicte Galicia Hoxe, a proposta consiste en pedirlles ás autoridades que teñan competencia nestas cuestións o rescate de todo o presentado ao abeiro de Flocos.tv, amais dos permisos para reproducir este legado. Unha vez que se volva por en marcha o espazo, iniciarase unha nova xeira de traballo na que autoras e autores audiovisuais poderán pendurar as súas pezas propias novas.

PUBLICIDADE