En marcha GalegoLab, plataforma en liña que dá voz a quen teña ideas para promover a lingua

mércores, 9 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

GalegoLab, nova proposta en liña a prol da nosa lingua, parte da seguinte realidade: a existencia dunha manchea de galegas e galegos que teñen en mente unha idea para promover o seu idioma e que por un pequeno detalle, sexa cal sexa, non se animan a darlle a forma. Pois ben, GalegoLab vai dereitiño a rematar con ese pequeno detalle. Poñamos por exemplo a música nos ximnasios, espazos cada vez máis frecuentados e onde, polas razóns que sexan, rara vez se pincha algo mellor que 40 Latino. Alguén pensou en promover alí a música galega e, deste xeito, animar o progresivo queime de calorías e contribuír a normalizar aquela? Pois GalegoLab está para iso. De feito, xa hai quen propuxo na web unha idea coma a devandita, tal e como se pode ver.
Co obxectivo de afondar nestas e outras funcións, os creadores da plataforma (xente moi variada da cultura, a comunicación, a informática ou as artes, todas/os unidas/os polo nexo común do seu amor ao galego), convocouse no Hotel Virxe da Cerca un encontro cos medios. Na cita, Antón Reixa e María Yáñez (dous dos promotores da plataforma) fixeron fincapé no potencial de GalegoLab para reunir as ideas e recursos que están a abrollar arestora a prol do promoción da nosa lingua e a nosa cultura.
En parte xogo, en parte cousa seria, a páxina pretende ser a forza que impulse as ideas a convertérense en iniciativas reais. Para logralo, convídase á comunidade internauta galega a participar de moi diverso xeito: ben directamente, achegando propostas para lanzar a nosa cultura, ben indirectamente, votando as que existen, falando do proxecto ou animando a outras e outros a implicárense. Asemade, existe a opción de facérmonos socios, enchendo un formulario habilitado na páxina web. Amais disto, cómpre salientar a posibilidade real de vota-las ideas que vaian xermolando, ideas que terán máis opcións de saír adiante cantos máis apoios recaden. De tódolos xeitos, informan os creadores da plataforma, é ben probable que a totalidade do que se vaia ofrecendo se materialice, e máis tendo en conta a orixinalidade e o pulo das que xa se presentaron (a poucos días da posta en marcha da páxina).
Entre elas, amais da música nos ximnasios, inclúese a proposta Ida e Volta, que consiste nun encontro musical na Coruña e Vigo encamiñado a superar ficticias rivalidades e prexuízos urbanos perante a lingua (algúns tamén ficticios) ou a achega Flashgalego, que constitúe un flasmob para determinadas áreas turísticas da nosa terra e que arrincará na Coruña, no Orzán, cunha homenaxe pop a Juan Pardo e máis polo miúdo á canción Falade meniñas, falade galego.
Así definiu Antón Reixa o espírito que alenta GalegoLab: “Partimos da base de que todas e todos estamos orgullos de ter unha lingua propia, de que é un luxo tela, de que está ben ser galegofalante pero que tamén é bo ser neofalante ou non ser galegofalante pero amar á lingua. Non nos preguntedes polo galego no ensino. Estamos separados do que sería a política da Xunta por sexo e por afecto. Amamos ao galego e iso é que nos diferenza desta política. Sentímonos parte da coraxe civil galega de todos os colectivos que loitan pola lingua e poñémonos a disposición deles”.
A web, amais de todo o que se dixo, inclúe unha microtenda en liña para recadar apoios orzamentarios para as ideas presentadas. Neste punto de venda é posible arestora mercar unha serigrafía do artista galego Antón Patiño, ao prezo de 150 euros, diñeiro que como dixemos será destinado a financiar as iniciativas achegadas.
Por certo que detrás do labor do deseño da páxina web atópase a empresa A Navalla Suíza, que tal e como explicou María Yáñez (integrante do equipo desta firma), reflicte un interese por amosar tódolos contidos e recursos do xeito máis claro e doado posible, tanto o que atinxe ao proceso de selección e desenvolvemento de ideas como no que se refire ao plano orzamentario. “Isto é un experimento total”, sinalou, “que se temos que distinguilo por algo é por animar á participación da xente dunha maneira tan clara”.

PUBLICIDADE