Vedra acolle o evento final do proxecto europeo eLabHause.rur
venres, 26 de abril do 2024
Este venres 26 de abril o Centro de Emprendemento A Estación, emprazado en Vedra e pertencente á Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, acolleu o último evento local do proxecto europeo eLabHause.rur, financiado polo programa COSME da UE. Durante o encontro presentáronse boas prácticas locais no ámbito dos valores da Nova Bauhaus Europea e que traballan para acadar un rural máis dixital, sustentábel e inclusivo.
O traballo de entidades como AGADEA ou AMABUL e a empresa AguaLocal nos ámbitos social e medioambiental, o proxecto de A Casa da Estación, A Estación Cultural e os proxectos europeos winEU.rur e EC4Rural como exemplos da aposta por un rural respectuoso co medio e con espazos para a cultura e o empredemento, foron algunhas das boas prácticas presentadas.
Así mesmo, compartíronse as experiencias de emprendedores e emprededoras do Centro de Empredemento de Vedra, como a do fotógrafo Yago Álvarez (O Abeiro), a da deseñadora Raquel Fernández (Cose Esencia) e o desenvolvedor web Asier Epelde (Engalegosnumero2), coñecendo o seu traballo e o seu compromiso co rural como lugar para vivir, para traballar e para emprender.
O proxecto eLabHauSE.rur traballa para reforzar a resiliencia e aumentar a capacidade das administracións públicas locais, as pemes de economía social e a sociedade dos territorios rurais europeos para superar as dificultades e crises a través da Nova Bauhaus Europea.