Empresas e cidadáns mobilízanse virtualmente en defensa da neutralidade de rede

martes, 30 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Tras o rexeitamento por parte do Senado dunha moción presentada polo Partido Popular para defender a neutralidade de rede e a volta do tema ao senado, a Asociación Española de Economía Digital (Adigital), que integra a máis de 500 empresas, publicou unha nota de prensa na que demandan que a lexislación española garanta un uso aberto e imparcial da Rede, concretando que é preciso que os paquetes de datos na Internet non poidan discriminarse por razón de orixe, destino, protocolo ou contido, que as operadoras non poidan alterar o libre mercado e a liberdade de competencia introducindo nos seus servizos factores que distorsionan a competitividade, que a circulación de datos na Rede sexa libre (independente de acordos entre teleoperadores), que as restricións ao tráfico na Internet sexan excepcionais e públicas/transparentes e que a Lei recolla un marco sancionador e un procedemento eficiente para a resolución de conflitos neste ámbito.
Pero esta reclamación empresarial non queda soa, e o movemento cidadán está a facer circular a través da Internet un manifesto de 11 puntos nos que incídese na defensa dunha rede neutral para protexer a Internet e aos seus usuarios (tanto empresas coma cidadáns), considerándose que as comunicacións na Rede deberían ser consideradas privadas, de xeito que só poderían intervirse baixo mandado xudicial. Esta campaña que está a invadir blogs e redes sociais insta ao Goberno español a ser proactivo no contexto europeo e a lexislar de xeito claro e inequívoco na defensa dunha Rede neutral.

PUBLICIDADE