ElMundo.es renova o seu deseño

luns, 12 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A comparación entre as portadas resulta rechamante

O pasado domingo o xornal El Mundo renovou o seu deseño tanto na súa edición impresa como na Rede coincidindo co seu vixésimo aniversario, o que prometen que se trata só dun primeiro paso dos cambios que vivirá a cabeceira de prensa nos tempos que veñen.
A modificación do deseño da edición impresa é bastante lixeira, polo que a audiencia habitual do xornal apenas percibiría cambios, mentres que non son poucos os que aseguran que a nova maqueta parécese moito á de El País, o que resulta rechamante cando son medios claramente antagonistas, mentres que os cambios da edición dixital se perciben a simple vista, aínda que apenas afecte aos contidos.

A nova portada de ElMundo.es preséntase cun maior ancho (o que están a facer moitos medios electrónicos nos últimos tempos) estruturando os contidos en tres columnas, amosando unha maior claridade, dando máis relevancia ao vídeo e a outros elementos gráficos e, curiosamente, facendo que algúns contidos sexan difíciles de atopar, á vez que dá a impresión de que a migración de contidos non está rematada (pois ao movernos por distintos apartados da web é doado atopar artigos co formato anterior).
Na cabeceira da web tamén se destacan suplementos/revistas coma Motor, Yo Dona, Metrópoli, Ocholeguas, Gentes! e Vino (que tamén teñen un espazo reservado ao fondo da portada), os blogs tamén se teñen un oco en portada e mesmo os servizos (guía da televisión, sorteos, tráfico…) presentan unha aparencia icónica que tamén os destaca.
Podemos entender así que a renovación da web de El Mundo queda nun simple lavado de cara, aínda que a moitos lles resultará de interese a estrea dun videoblog do director do medio, Pedro J. Ramírez, que de luns a venres comentará a actualidade en 2 minutos (e que tamén se poderá seguir a través da canle de TDT do grupo, Veo TV).

PUBLICIDADE