EGANET ultima un servizo de Bolsa de Emprego TIC en liña

mércores, 25 de marzo do 2009 Raquel Noya

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET), vén de anunciar o desenvolvemento dun novo servizo de bolsa de traballo en liña que comezará a funcionar proximamente tanto para as firmas asociadas como para os demandantes de emprego que o soliciten.
EGANET, que na actualidade está a traballar na realización dun novo espazo web, vai presentar, entre outras novidades esta Bolsa de Emprego TIC, á que os interesados poderán acceder para deixar o seu currículo en liña.
A xestión desta bolsa de emprego será realizada por unha empresa especializada na procura de persoal cualificado TIC, que analizará e desenvolverá formación específica de adaptación dos perfís recibidos para que se adecúen ás necesidades das empresas do sector.
Con esta iniciativa, EGANET procura cubrir os postos vacantes nalgunha das súas entidades asociadas, xa que, segundo afirman, “por cada posto que se cubre, quedan tres pendentes”.
Dende a presentación da súa Guía referencial dos salarios do sector TIC en Galicia, levada a cabo a pasada semana, EGANET está a recibir un promedio de 8 currículos e 3 chamadas telefónicas por xornada, interesándose por posibles saídas laborais.
Asemade, segundo indicaron os seus responsables, as peticións da guía “xa superan as 60 e nunha semana xa se registraron máis de 300 descargas do estudo na web”.
Entre as chamadas recibidas, membros de EGANET destacan aquelas que solicitan información sobre os cursos máis axeitados que os solicitantes deberían seguir para adecuar os seus perfís ás necesidades do sector TIC.
Tendo en conta iso, a Asociación que preside Beatriz Legerén acordou preparar unha serie de actividades formativas que supoñan a adaptación curricular dos demandantes ás necesidades reais das empresas.
EGANET, nunha asamblea celebrada onte martes, aprobou asemade, a nova imaxe corporativa da Asociación, o regulamento de orde interna e as actividades previstas para este ano, das que destacan os proxectos de intervención social para facilitarlle o uso das novas tecnoloxías á sociedade galega.

PUBLICIDADE