Declárase culpable de ter pirateado o último disco de Guns N´Roses

mércores, 12 de novembro do 2008 Raquel Noya

Axl Rose durante unha actuación dos Guns N’ Roses

Segundo vén de informar hoxe a axencia internacional de novas Reuters, o home acusado de distribuír ilegalmente en Internet as cancións do novo álbum inédito da banda de rock Guns N´Roses, Kevin Cogill, de quen xa falamos en Código Cero no momento da súa detención, “aceptou declararse culpable” do delito de violación da lei de dereitos de autor do que era acusado.
Cogill, que publicou nove temas do novo disco da banda californiana, Chinese Democracy, no seu sitio de Internet chamado Antiquiet (pechado dende entón polas autoridades), será xulgado polos seus actos nunha audiencia que se celebrará o día 8 de decembro e, segundo vén de anunciar un fiscal federal dos Estados Unidos, “podería enfrontarse a unha pena de ata a tres anos de cadea en caso de ser condenado”.
Unha mágoa que, tanto aos integrantes da banda como aos seus máximos seguidores, lles parecerá irrisoria, se temos en conta o tempo que levaban agardando pola estrea do disco e que o factor sorpresa desta se veu estragado pola intromisión ilegal de Cogill.
O home, de 27 anos de idade, asegurou filtrar os temas na súa web porque “estaba canso de agardar a que Axl Rose e a súa discográfica publicasen finalmente un disco que levaba moito tempo rematado e que os seareiros levaban agardando máis de 13 anos”.
O álbum sairá á venda, por fin, o vindeiro 23 de novembro e non é de agardar que Kevin Cogill faga colas de espera nas tendas de discos para mercalo pois, ao igual que outros moitos internautas, xa o teñen máis que aburrido de tanto escoitalo.

PUBLICIDADE