¿Crise na comunidade blogueira galega?

martes, 24 de outubro do 2006 Marcus Fernández

A revista Tempos Novos recolleu o pasado sábado unha entrevista realizada por Iago Martínez ó escritor e xornalista dixital Xabier Cid na que se quere facer notar un cambio no sentir da blogosfera galega.
Cid comenta que “o blogmillo, como comunidade, desapareceu. A ninguén lle importa xa o que se fai no blog do lado” engadindo que antes “era unha criatura, funcionaba, tiña regras, líderes, periferias, satélites. Había un sistema moi estruturado, con Todonada no centro e catro ou cinco blogs básicos polos que había pasar” pero agora acusa unha dispersión na que se perdeu a relación entre os blogs, a comunidade.
Xabier Cid pensa que as iniciativas de Blogaliza e Blogalego non chegaron a funcionar axeitadamente, algo que se corrixiu coa chegada de Chuza!, pero que continúa a ser unha ferramenta de uso minoritario, que tamén é o que permite que exista unha comunidade ó seu redor, xa que ó aumentar o número de usuarios complícase a súa intercomunicación.
Teriamos así que a blogosfera galega seguiría os pasos da blogosfera hispana (pouco cohesionada). De feito, incluso o illamento entre España e Iberoamérica se pode reproducir cos blogs de Brasil e Portugal, o que é un indicativo de que as grandes masas de usuarios impiden a creación de comunidades.
Incluso a desaparición dun blog histórico coma Todonada (administrado pola actual directora de Vieiros, María Yáñez) puido marcar o punto de inflexión no blogomillo, pois as referencias teñen moito peso neste tipo de estruturas sociais.
Agora, o blogomillo está a vivir uns momentos de desencanto, posiblemente pola limitación de comunicación, se facemos caso a unha entrevista realizada a Juan Varela para Galicia Hoxe, na que acusaba a endogamia dos blogs galegos, que podería estar producida precisamente pola publicación de textos en galego (aínda que non faltan voces que acusan factores de auto-exclusión) que, por outra banda, tamén é o seu elemento cohesionador.
Posiblemente esteamos a ver cómo o éxito dos blogs son o fracaso das súas comunidades de usuarios. Quizais haxa quen sinta morriña da comunidade que medraba hai ano e medio, pero cunha mirada positiva debemos aplaudir o feito de que os blogs feitos en Galicia deixase de ser propiedade dunha elite e pasasen ó resto da poboación. Quizais esqueceremos o blogomillo histórico e contaremos agora con moitos blogomillos independentes, o que non é necesariamente malo, e que xulgará o tempo.

PUBLICIDADE