Como escoller o servidor de correo electrónico máis axeitado ás nosas necesidades

xoves, 1 de marzo do 2007 Raquel Noya

Comunicármonos hoxe en día con calquera amigo que se atope na outra punta do planeta é tan sinxelo como coller o móbil e marcar o seu número (iso si, arriscándonos a deixar unha boa parte do noso soldo na fazaña, sobre todo se esta acaba por ser a primeira dunha longa listaxe). Pódenos saír máis barato se agardamos a que sexa el/ela o/a que chame (unha medida nada aconsellable) pero, se o que queremos é manter os bos amigos e non perder o contacto con eles debido á distancia (e sen que nos custe un ril), un dos mellores inventos desenvolvidos até o de agora en materia de comunicación é o correo electrónico ou e-mail. Este servizo en liña permítelles ós usuarios enviar e recibir mensaxes mediante sistemas de comunicación electrónicos (decote por Internet) de xeito case instantáneo e a un prezo moito menor ca mediante correo ordinario (aínda existe?... En Australia queren recuperalo). De seguido, falamos dalgúns dos servizos que mellor nos poden acaer.
Comezamos en orde, polo principio: para que unha persoa poida enviar un correo a outra, ámbalas dúas deben ter un enderezo de correo electrónico. Este vén da man dos provedores de correo, que son os que ofrecen o servizo de envío e recepción. Agora ben, das miles de páxinas que ofrecen este servizo de xeito gratuíto en Internet, cal é o mellor?
Nun principio, tódolos servizos de correo electrónico semellan iguais, pero hai moitas diferenzas entre eles: na capacidade de almacenamento, os servizos engadidos a maiores (por exemplo un antispam), a posibilidade de recibir outras contas nel, recibir no correo novas dos medios de comunicación escollidos...
Aínda que existen contas de pago, os correos de balde son os máis empregados, malia que inclúan algo de publicidade, ben inserida en cada mensaxe ou ben na interfaz que se usa para ler o correo. Debido a isto, moitas compañías só permiten ver o contido do correo dende a páxina web propia do provedor, co fin de asegurarse de que os usuarios reciben a publicidade que se atopa alí (non vaia ser que fique algún sen coñecer o marabilloso colchón do mes). Porén, outros permiten empregar un programa de correo configurado para que se descargue o e-mail de xeito automático.
Outra das desvantaxes deste tipo de contas de balde (amais da publicidade fulminante que hai que aturar), é que en cada enderezo, a parte que está á dereita da “@” presenta o nome do provedor polo que lle dá un aspecto menos corporativo ou oficial, sobre todo cando é un enderezo empregado por empresas. Neste último caso, o mellor é que cada compañía merque un dominio propio, dándolle así outro aire máis serio e profesional á empresa. No noso caso (individuos de a pe co mínimo interese pola formalidade), as contas de balde abondan para cubrir as nosas necesidades.
Os tres servidores de correo máis empregados
Correo Yahoo! é o webmail máis empregado en todo o mundo, cuns 250 millóns de usuarios. Actualmente ofrece 1 GB. Hai relativamente pouco tempo, redeseñouse a súa interfaz e agora pode verse cunha imaxe semellante á do Outlook, un servizo que tamén incorporou Hotmail. Ó igual que Google, permite configurar o seu servizo de mensaxeiría instantánea dentro da xanela de correo, polo que non é preciso descargar un programa adicional para chatear cos contactos. Os usuarios máis experimentados valoran moi positivamente o feito de que integre lector de RSS dende hai tempo.

Windows Live Hotmail atópase cambiando de denominación, de MSN Hotmail a Windows Live Hotmail, e está a incluír máis servizos, como a ampliación a 2GB. Cuns 228 millóns de clientes, os seus detractores acúsano de ser lento, aínda que está ben espallado grazas ó servizo de mensaxeiría instantánea de Microsoft. Ó igual que Google e Yahoo!, tamén ofrece ferramentas para evitar o spam e os virus. É o que probablemente ofreza máis opcións para personalizar os correos.

Gmail: até hai poucos días era preciso que outro usuario deste servizo de correo nos convidase para poder ter unha conta nel. Tal vez por iso é o que menor número de usuarios ten dos tres servidores. Porén, agora xa é un correo electrónico aberto e calquera pode rexistrarse. É o que ofrece meirande capacidade (2,8 GB) e é o máis sinxelo de empregar, aínda que tamén é o que menos opcións de configuración de estilo deixa nas mans do usuario. Unha das súas características máis valoradas é que permite configurar outras contas a través del, ademais do uso de etiquetas.

PUBLICIDADE