Bota a andar unha campaña contra a reforma da Lei de Propiedade Intelectual

mércores, 26 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

O anteproxecto de Lei de modificación do Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual e de Axuizamento Civil que o Consello de Ministros remitiu ás Cortes está a causar moito malestar entre a comunidade internauta por numerosos motivos entre os que destaca unha medida que os medios escritos describen como taxa Google, pero que moitos chaman xa canon de AEDE por analoxía ao informalmente canon da SGAE, pois vén a ser unha taxa semellante que en vez de aplicarse á música trasládase á prensa. Para manifestar o rexeitamento as novas medidas que quere adoptar o Goberno, numerosas páxinas web están a publicar dende hoxe un comunicado conxunto.
No texto reivindicativo denuncian que as taxas non protexen a propiedade intelectual na Internet, senón que supoñen unha agresión ao sector tecnolóxico español (o que pode supor un importante prexuízo para a nosa economía), que limita o acceso á información e á cultura, que vulnera dereitos e intereses de colectivos en lugar de garantilos (ao converter en dereito irrenunciable a compensación polas citas dos seus textos na Internet tirando por terra as licenzas Creative Commons), que cuestiona os fundamentos e o uso da Internet (ao pór normas sobre o funcionamento das ligazóns na web), que podería afectar moi negativamente á prensa se os indexadores de contidos deciden vetalos para non ter que pagar taxas, que impón unha nova taxa ao coñecemento (que afectaría a todo o sistema educativo), que esta última taxa non recompensaría xustamente aos autores (funcionando como unha subvención encuberta aos editores), que elimina de feito o dereito á copia privada (ao vinculalo á copia en soporte físico, practicamente inexistente na actualidade) e que establece medidas de control que poden facer perigar a esencia da Rede. Tamén reclaman que o texto debería incluír medidas de acompañamento que apoien o desenvolvemento de novos modelos de negocio baseados na Internet, así como a mellora dos xa existentes, á vez que especula sobre a posibilidade de que o anteproxecto sexa produto de corruptelas entre lobbies e o poder político.
As persoas que apoian esta campaña consideran que a reforma de Lei no seu redactado actual está abocada ao fracaso, por non ser realista nin cubrir as necesidades dos sectores implicados, á vez que supón un freo para o desenvolvemento da cultura libre e a industria, atrancos que poden resultar moi gravosos na conxuntura económica actual, na que resulta de especial importancia poder innovar e favorecer os novos modelos de negocio.

PUBLICIDADE