O CIS Tecnoloxía e Deseño celebrou o 11F con 170 estudantes de seis centros educativos

venres, 9 de febreiro do 2024 S. P.

Este martes 6 de febreiro a Axencia Galega de Innovación (GAIN) sumouse á celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia (o vindeiro 11 de febreiro), organizando un espectáculo científico centrado na importancia das mulleres científicas e tecnólogas ao longo da historia. A cita veu da man do CIS Tecnoloxía e Deseño, emprazado no Campus de Ferrol e pertencente a GAIN.
A charla, conducida polos divulgadores Iria Ollero e David Ballesteros, na que participaron case 170 estudantes de 6 centros educativos da comarca de Ferrolterra acompañados polo seu profesorado, permitiu que a rapazada asistente puidera aproximarse dun xeito atractivo a grandes mulleres que fixeron importantes achegas científicas e nunca recibiron o recoñecemento social que merecían como Hipatia de Alexandría, Marie Anne Pierrette ou Rosalind Franklin entre outras.
Durante o evento, combináronse datos biográficos e anécdotas vitais con experimentos rechamantes inspirados nas científicas presentadas.
A actividade intégrase no programa D’Tec de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas, que se desenvolve todo o ano no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol.

PUBLICIDADE