O Goberno prepara unha reforma da Lei de Propiedade Intelectual para adaptala ao contorno dixital

venres, 14 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

O Consello de Ministros aprobou hoxe a remisión ás Cortes do Proxecto de reforma parcial da Lei de Propiedade Intelectual mediante a que se modifica o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual de 1996 e a Lei de Axuizamento Civil de 2000, segundo anunciaron en rolda de prensa a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, e o ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert.
Sáenz de Santamaría avanzou que a futura lei establecerá un sistema de recadación de portelo único como medio de facturación e pagamento dos dereitos de propiedade intelectual; mellorará a protección dos dereitos de propiedade intelectual fronte ás vulneracións que poidan sufrir no contorno dixital; regula o concepto de copia privada; e adapta o límite da cita ou relación dos agregadores de contido ou buscadores de Internet. Tamén recoñece o dereito das empresas editoras e dos autores de novas a ser compensados economicamente pola explotación dos seus contidos, o que resulta bastante sorprendente por ir na dirección contraria do último acordo da Comisión Europea con Google.
Wert asegurou que esta reforma só responde aos aspectos máis urxentes para protexer a propiedade intelectual e facilitar a transición dixital, quedando pendente, unha vez máis, “unha reforma de maior alcance, máis profunda, a través da que se consiga un novo equilibrio entre titulares de dereitos e usuarios”.
No proxecto de reforma limítase o concepto de copia privada a copias para uso privado non comercial de soportes físicos mercados e gravacións de radio e televisión para a súa reprodución posterior. Tamén se establece como vulneración da Lei non só albergar contidos ilícitos, senón tamén a facilitación con propósito comercial do acceso de xeito sistemático, ordenado, clasificado e indexado de contidos ilegais para o seu uso por terceiros; recollendo sancións de entre 30.000 e 300.000 euros para quen incumpra a Lei. Amais, poderase actuar sobre os anunciantes e as plataformas de pagamento electrónico que sexan mediadores de actividades ilícitas e bloquear tecnicamente as páxinas. Mediante a modificación da Lei de Axuizamento Civil de 2000 permítase que os titulares de dereitos vulnerados poderá solicitar a un xuíz a identificación do titular dunha páxina web sobre a que concorran indicios razoables de que estanse a difundir a grande escala contidos protexidos de xeito directo ou indirecto.
A norma tamén amplía a protección dos 50 aos 70 anos das obras musicais con letra.

PUBLICIDADE