Avanza o proceso para a creación de novos dominios de primeiro nivel

venres, 27 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Peter Dengate e Paul Towmey durante o encontro de ICANN en París.

Este xoves rematou en París o último encontro internacional de ICANN, no que se debateron, entre outros temas, os trámites que se seguirán para a aceptación de novos nomes de dominio de primeiro nivel.
A xuntanza cumpriu co itinerario deste proxecto de liberación dos gTLD no que se leva a traballar máis de 2 anos, de xeito que se flexibilizará o sistema para a aprobación de novos dominios de primeiro nivel esponsorizados (coma actualmente son o .cat, .aero, .museum ou .mobi). Polo pronto, agárdase que o regulamento que detalle o proceso de solicitude de novos dominios chegue despois do verán (ou sexa, que non é correcto que se aprobase tal documento en París), e se agarda que en 2009 se abran os primeiros procesos de solicitude de novos dominios xenéricos, de xeito que se irá depurando o proceso en varias quendas para acabar converténdose nun proceso ordinario (xa que na actualidade a creación de dominios de primeiro nivel era excepcional, con só 13 dominios aceptados en 2 quendas).
Estes procesos de presentación terán unhas condicións por determinar, entre as que destacan unhas esixencias económicas que poderían ser bastante elevadas nas primeiras fases, pois se chegou a falar de cantidades de entre 100.000 dólares e 20 millóns.
Tralas primeiras fases agárdase que se relaxen os condicionantes para a creación de novos dominios, polo que a posibilidade dun domino .gal para a lingua e cultura galegas gaña cada día máis peso e Camilo Regueiro, vicepresidente da Asociación PuntoGal e presente no encontro parisino, asegura que dende ICANN están a pór facilidades para que prosperen os dominios culturais e lingüísticos tralo bo funcionamento do .cat.
Deixando de lado os condicionantes económicos, para a creación dun novo dominio de primeiro nivel continúa a ser preciso que se responsabilice do mesmo unha entidade privada, que terá que demostrar a súa viabilidade económica e técnica (así coma os procesos de resolución de conflitos). Amais, non se aceptará calquera nome de dominio, pois ICANN ten que procurar pola harmonía na Rede, de xeito que os novos dominios non poderán levar a confusión (por parecerse a outros), non lesionen marcas ou non creen outras problemáticas (lembremos que no pasado rexeitaron a creación do .xxx e do .kids). A creación de novos gTLD tamén incluirá un prazo no que se poderá argumentar contra a súa creación, medida coa que pretenden curarse en saúde.
Entendemos así que as novas que se estiveron a ler en diversos medios e que argumentaban que ICANN liberaría totalmente os dominios de primeiro nivel, de xeito que calquera podería crear un, é unha mala interpretación das palabras do presidente da Asociación, Paul Twomey, que nunha entrevista a Les Echos asegurou que «aparte de .com, .net ou .org, a partir do primeiro trimestre de 2009, os 1,3 millóns de internautas poderán adquirir enderezos de Internet baseados en palabras comúns coma .amor, .odio ou .cidade ou nomes propios», o que algúns entenderon coma se a creación de dominios de primeiro nivel deixase de ter un complexo proceso de creación (e que de ser así crearía un caos absoluto no sistema de DNS co que funciona a Rede).
A outra cara da moeda na creación de novos nomes de dominio está nas marcas e empresas, que se ven forzadas a utilizar estes sufixos de nova creación para protexerse e así, unha compañía que centralice toda a súa actividade na web baixo un único dominio .com se ve forzada a adquirir as súas equivalentes locais (.es, .de, .fr, .eu...) e xenéricas (.net, .org, .info, .biz...) para evitar que faga uso da súa marca outra xente, o que cada día resultará máis complexo.

PUBLICIDADE